
O Premio Galicreques concédese a unha entidade, persoa ou compañía polo seu labor
no mundo dos monicreques a través de proxectos que, aínda que no seu comezo
puidesen parecer disparatados e efémeros, acabaron sendo soños conseguidos que nos
favorecen a tod@s @s amantes das marionetas.
Este ano, o Festival Galicreques ten a honra de conceder o seu premio a Dadi Pudumjee
(Pune, India, 1951), unha figura esencial do teatro de monicreques contemporáneo e un
dos seus grandes embaixadores internacionais.
Desde que iniciou a súa traxectoria profesional nos anos setenta, traballou para ampliar
as fronteiras da linguaxe dos monicreques, achegándoa á danza, á música, ás sombras,
aos obxectos e ao movemento.
Fundador de Sutradhar Puppet Theatre e Ishara Puppet Theatre, creou en 2001 o Ishara
International Puppet Festival. O seu compromiso coa arte dos monicreques transcende o
escenario: foi presidente de UNIMA Internacional entre 2008 e 2021 e é hoxe Presidente
de Honra da organización.
Galardoado co Sangeet Natak Akademi Award e o Padma Shri, Pudumjee construíu unha
traxectoria dedicada a tender pontes entre culturas, xeracións e tradicións, deixando unha
fonda pegada no teatro de monicreques mundial.