Actualidade

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sétima edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Deste xeito, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto coa ficha de participación, ao enderezo electrónico [email protected]. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o sábado 21 novembro de 2026. Premendo nesta ligazón pódense consultar o folleto informativo do VII Certame Galetiktokers.

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 4 de outubro, a partir das 11:00 horas, facendo unha limpeza do rego do Ameneiral durante dúas horas. Para participar hai que estar ás 11.00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Na páxina web de Proxecto Ríos atoparás máis información sobre a iniciativa “Móllate polos ríos”, as limpezas de río, os participantes e colaboradores, etc.

Este xoves, 1 de outubro, abre un novo prazo extraordinario para a solicitude das prazas que quedaron libres para o vindeiro curso 2026-2027. Ao ser un período extraordinario, as prazas adxudicaranse por orde de rexistro de entrada. As solicitudes poderán facerse a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais. As materias nas que aínda quedan prazas dispoñibles son música e movemento, violín, frauta, batería/percusión e piano.

O Concello de Ames participou un ano máis no encontro “Innpulso Emprende 2026”, organizado pola Red de Ciudades de la Ciencia y la Innovación (Red Innpulso), entidade dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU). Ames forma parte desta rede dende o ano 2018. O evento celebrouse os días 29 e 30 de setembro na cidade de Terrassa. O proxecto que representou ao noso municipio nesta edición foi presentado por persoal da empresa tecnolóxica Binarial que está situada no Milladoiro. Esta entidade presentou un ecosistema omnicanal que conecta a información oficial dos Concellos cos cidadáns mediante pantallas intelixentes e robots humanoides.

O Concello de Ames, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Xacobeo 2027, celebra este xoves 1 de outubro o Día do Maior co espectáculo humorístico “Aínda estamos de festa!”, dirixido polos cómicos Pepo Suevos e Dani Dopazo. A Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 19.00 horas, acollerá este show para gozar, recordar e rir xuntos. A entrada é de balde ata completar aforo. Esta actividade servirá como inicio do programa de envellecemento activo Amessán durante curso 2026-2027.

Este venres, 2 de outubro de 2026, ás 9.30 horas, celebrarase un pleno extraordinario solicitado polos grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e de Espazo Común no que se debaterá sobre o novo aparcamento do Milladoiro que está situado na rúa Pardiñeiros. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Hoxe presentouse na oficina da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro a I Marcha Prevención do Dano Cerebral, na que cada donativo será unha axuda real para que a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela poida ampliar as súas instalacións. No acto estiveron presentes a concelleira de Benestar Social e Voluntariado de Ames, Uxía García; a concelleira de Deportes e Relacións Veciñais de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro; o presidente e vicepresidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro (AEPEM), Javier Santos e Ramón Salgado; e o presidente da Asociación Dano Cerebral de Santiago de Compostela, Luciano Fernández. As inscricións pódense facer premendo nesta ligazón.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organiza este venres, 2 de outubro, de 17.00 a 20.00 horas, a iniciativa Stock Fóra. Deste xeito, a localidade de Bertamiráns acollerá unha tarde chea de diversión e actividades para toda a familia. Haberá música polas rúas a cargo dunha charanga, talleres para os máis pequenos, flocos de millo e unha ruleta con agasallos. Ademais, con tíckets de compra por un importe mínimo de 10 euros, poderase participar na ruleta de agasallos. Trátase dunha iniciativa organizada polo Concello de Ames, a Xunta de Galicia e Comercio Galego para dinamizar o comercio local e gozar dunha tarde especial.

A Aula da Natureza vén de presentar esta mañá a nova programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro organizarán diferentes actividades para poñer en valor o entorno natural de Ames e relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller cogomelos, obradoiros de cociña de outono, xornadas de recollida de lixo no rego do Ameneiral e no monte, unha ruta ambiental, un obradoiro de cosmética natural e maila sexta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo [email protected].

Esta semana, os días 29 e 30 de setembro, comeza a programación das bibliotecas municipais para os meses de outono con Contos con miga, de Migallas, e Contos con xeito, de Bea Campos. Durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro haberá obradoiros e sesións de narrativa oral para os máis pequenos, que se desenvolverán tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. Ademais, o 24 de outubro con motivo do Día da Biblioteca, entregaráselle aos usuarios/as das bibliotecas municipais, marcapáxinas cos debuxos dos gañadores da 1º e 2º categoría do V Concurso de debuxo infantil do Día do Libro.
- 1 de 706
- seguinte ›




